Tal e como ameazaron no seu día, o xulgado de 1ª Instancia de A Estrada acaba de admitir a trámite a demanda interposta contra Dionísio Pereira pola familia do ex-alcalde falanxista e xefe local de Falange de Cerdedo nun par de ocasións, Manuel Gutiérrez Torres. Na demanda, rebáixanse as esixencias que contiña a inicial demanda de conciliación, posto que renuncian á indemnización, se eliminan algúns nomes e tamén as referencias ao libro publicado no ano 2006 pola Asociación "Verbo Xido". Manteñen, non obstante, a esixencia de retirada da frase que fai referencia á "presunta" participación na represión de Manuel Gutiérrez Torres e do falanxista cerdedense Francisco Nieto, contida nas actas do Congreso da Memoria celebrado en Narón e organizado pola Asociación Memoria Histórica Democrática. Malia que a masiva resposta solidaria acontecida hai tres meses semella que dou os seus froitos, considero que a presentación da demanda continúa a ser unha agresión contra a liberdade de expresión e de creación científica, na que se enmarca a actividade dos historiadores, que en ningún caso debera ser xudicializada. Tamén pretenden, na miña opinión, perpetuar a impunidade dos "presuntos" protagonistas da represión, intimidando aos historiador@s e, sobre todo, aos nosos informantes. En consecuencia, este non é tan só un problema individual a engadir aos que xa tiveron lugar en Galiza (caso da páxina web censurada a Fabien Garrido polo Xulgado de Cambados) e noutras zonas do Estado español (Asturias, Andalucía....), senón algo que pode afectar a tod@as as persoas amantes da liberdade e conscientes da necesidade imperiosa de recuperar a memoria da represión franquista. Máis unha vez, sen desbotar outro tipo de alternativas que podemos debater en torno ás asociacións debruzadas na recuperación da memoria caso da recén nada Iniciativa Galega pola Memoria, solicítovos a vosa solidariedade que xa demostrou ser efectiva meses atrás. Polo momento, podedes enviar os vosos apoios e opinións á páxina esta web www.sinhorafranio.com, sitio onde se poderán seguir as novidades e iniciativas que nos vindeiros días entre todos e todas tomaremos. Saúde e memoria.
Comisión pola memoria Siñor Afranio.
No hay comentarios:
Publicar un comentario